Alvela

Este disco agromou no outono de 2020, entre as sabas dunha cama na montaña de Lugo. A cerdeira que viu medrar varias xeracións en Doncos, deixou caer as súas follas debaixo da nosa fiestra. Era, antes de nada, unha forma do amor. O seu organismo está composto por arrolos, romances e outras cantigas tradicionais escollidas e observadas dende o filtro da maternidade, da memoria do corpo e as violencias que o atravesan, daquilo que se torna vulnerable. Mais tamén dende a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer.

Os cantos de transmisión oral son tamén cantos da resistencia feminista, se atendemos á denuncia latente en cada melodía, palabra e silencio: unha bandada de paxaros, a respiración que descansa na noite, o ciclo dos días, o murmurio do río, os pouso dos soños… A través deles falamos do noso presente.

Así foi como Alvela deveu nun disco combativo e de resposta. Un combate que é reverso do amor, o pulso dun corazón acabado de nacer.

Conta coa produción do músico Hevi (Malandrómeda, Fluzo), e con colaboracións como as de Bleuenn Le Friec na arpa, De Vacas nas voces, Antía Ameixeiras no violín, Antía Muíño na guitarra ou Suelen Estar Cuartet nas cordas. O concepto visual foi elaborado xunto con Melania Freire e contou coa artista plástica Blanca Gracia na realización das acuarelas e animacións que acompañan as cancións. O proceso e conceptualización xeral do disco estivo acompañado pola poeta Antía Otero.

Faia Díaz Novo (Santiago de Compostela, 1988), cantante, creadora e historiadora da arte. Leva desenvolvendo a súa carreira musical a nivel profesional desde o 2015, traballando en diferentes proxectos relacionados coa música e a investigación artística comtemporánea.

É fundadora e integrante do grupo musical De Vacas desde 2015, do Coro Encaixe desde o 2016 e do trío Nacho.Faia.Lar desde 2018. Compaxina estos proxectos grupais coa sua carrereira en solitario.

No ano 2018 lanza ao Ao cabo leirín, una autoedición en vinilo centrada no cancioneiro tradicional e reinterpretado en clave experimental e feminista; un traballo de exploración da voz en diversos espazos sonoros, producido por Hevi (Fluzo, Malandrómeda). Este disco foi seleccionado como tercerio mellor álbum estatal de raíz en 2019 pola revista Mondosonoro e finalista a mellor proxecto de música tradicional nos Premios Martín Códax da Música 2020. Foi levado ao directo co músico Benxamín Otero actuando en festivais como Festival Sinsal, Festival Noroeste, Monumenta ou Vangal.

En 2022 presenta o seu segundo espectáculo, Mixurriña. Participou en concertos e performances corais como Concierto Menú da artista Marta Fernández Calvo, ou Mulleres e Wolframio, en digálogo coa artista plástica Eva Lootz, sobre o papel das mulleres mineiras en Galiza.

Foi fundadora e integrante do dúo Apatacón, xunto coa contadora Vero Rilo, no que misturaban música e narración oral (2018-2022). Realizou o deseño sonoro na exposición Fuxan os Ventos, 50 anos de historia, en 2022. Participou na película La Marsellesa de los borrachos, de Pablo Gil Rituerto, en 2024. Actualmente é tamén integrante do cuarteto de Xan Campos e da banda de Guadi Galego, na súa xira Síntese Horizonte.